O periódico, mestre de noticias
O xornal facilita a comprensión da noticia, analiza, sintetiza e rexistra datos
Fálase con frecuencia da didáctica como se fose algo peculiar e exclusivo da escola: peculiar, si; pero exclusivo, non. Efectivamente, o periódico ten a súa didáctica propia, sabe ensinar a noticia e, aínda máis, logra que a xente aprenda: compra con avidez e liberdade un exemplar cada mañá, le, esixe que non se perda e dá boa conta de todo o que ten lido. ¡Incrible! Tal arte didáctica de presentar as cousas e favorecer a aprendizaxe xa a quererían para si moitos libros de texto. O dito: o periódico é o gran mestre de noticias. Vexamos por que.
Sabe presentar os datos
Cando un periódico presenta unha noticia faino de tal xeito que, desde o primeiro momento, capta xa a atención do lector: a forma de titular, a posta en páxina, a foto que acompaña a información invitan a un a realizar unha lectura completa do texto que pouco a pouco, liña a liña repite, en xeral, os mesmos pasos que se dan na escola para aprender unha lección: o periódico explica os termos que aparecen na noticia, rexistra os feitos principais e secundarios, sinala os tempos e datas en que sucedeu, informa sobre os sitios onde tivo lugar, destaca as persoas que son axentes e pacientes desta, indica cómo afecta o feito aos demais, fala dos procesos da noticia e do tema de fondo que se esconde a simple vista.
Fainos comprensibles
Cando un alumno é capaz de traducir, interpretar e extrapolar un tema concreto é que o sabe de verdade. ¡Un 10! Pois ben, a facilidade de comprensión é un obxectivo fundamental para os redactores do periódico. De aí que, en primeiro lugar, sexan capaces de traducir o que sucedeu, que ás veces é moi complexo, e contalo coas súas propias palabras para que todos o entendamos. En segundo lugar, son capaces de interpretalo, ás veces, cun sinxelo gráfico ilustrativo. En terceiro lugar, son capaces de extrapolar sobre o que pode suceder no tempo se volvesen ocorrer noticias similares.
Aplícaos, analiza e fai síntese
Despois de facilitar os datos e de facelos comprensibles, o periódico adoita dar algúns pasos máis cando presenta unha noticia a fondo: aplica eses datos lembrando, por exemplo, en qué se parece esta noticia a aqueloutra que sucedeu anteriormente, analízaos e é capaz de facer unha síntese: non tes máis que ver unha páxina cando nos presenta nun gráfico a evolución dunha noticia ao longo da semana: un exercicio de síntese perfecto.
Tamén avalía
As páxinas de opinión, a publicación de enquisas e entrevistas ás que responden lectores e expertos sobre os máis variados temas, as análises das noticias a fondo son auténticas avaliacións que van medindo cada día o pulso da actualidade.
Ou sexa que o periódico rexistra datos, facilita a comprensión da noticia, aplica, analiza, sintetiza, avalía¿ o mesmo que en clase, pero coa súa didáctica especial, que facilita a lectura e a aprendizaxe.
Cinco boas razóns para levar a prensa á escola
1.O periódico é unha ferramenta única. Trata cada día infinidade de temas e é perfectamente adecuado para utilizar en calquera nivel, desde infantil ata bacharelato.
2. Os xornais están ao día, axudan aos alumnos a informarse e a converterse en cidadáns responsables. Tenden unha ponte entre o mundo real e a aula.
3. Os periódicos son motivadores e xeran actitudes positivas ante a lectura. Todo o mundo atopa no periódico algo que lle interesa e divirte.
4. Os periódicos non só axudan aos alumnos a mellorar o seu nivel de lectura, senón tamén a facelo de forma crítica.
5. Unha vez que os nenos aprenden a usar o xornal para obter información, teñen unha ferramenta imprescindible para toda a súa vida.