Ir a 2015 Ideas para cambiar el Mundo
      home



Guía de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria. 2004

Seminario permanente de educación para igualdade






6179
     
 

A EDUCACIÓN PARA IGUALDADE é un dos obxectivos da nosa sociedade que aínda está pendente de se conseguir na súa totalidade. Por iso,o Servizo Galego de Igualdade (SGI) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) ofrecemos a docentes, profesionais de bibliotecas e ás familias, este dossier da mediación no que se acollen aquelas obras que no ano 2003 achegaron, aínda que tanxencialmente nalgúns casos,materiais de cara a acadar a igualdade seguindo algún dos criterios que a seguir expoñemos:

1. Atribucións de papeis ás nenas que non tiveron tradicionalmente nin na nosa sociedade nin noutras.

2. Manifestacións da especial sensibilidade das nenas como transmisoras e preservadoras da tradición.

3. Contribucións á prevención da violencia de xénero e á potenciación de actividades pacifistas.

4. Transmisión de feitos históricos nos que as mulleres reivindicaron roles e actividades que lles foron silenciados ou daqueloutros que non lles permitiron acceder en igualdade a postos sociais que estaban restrinxidos ao home.

5. Autoconfianza e adopción de posturas activas por parte das nenas.

6. Reflexión crítica da reprodución de roles tradicionais considerados hoxe como non exclusivos dun sexo determinado.

Tentamos así axudar nesta tarefa formativa para que desapareza totalmente do noso sistema educativo e da sociedade calquera tipo de desigualdade de xénero, e así conseguir unha cidadanía máis xusta.

Só por medio da educación, unha vez atendidas as necesidades básicas que toda vida precisa e na que é fundamental a corresponsabilidade nas tarefas profesionais e domésticas de todos os membros da familia, poderemos evitar a violencia de xénero e lograr un reparto equitativo de funcións, e, en definitiva, unha sociedade máis harmónica.

Aínda que somos conscientes que dende o ano 1970 se xeneralizou a escola mixta e, polo tanto, a nenez e a mocidade reciben dende entón unha educación supostamente igual, seguen adoptándose comportamentos discriminatorios e actitudes diferentes en función do sexo. Isto pon de manifesto que o sistema educativo non é o único instrumento socializador, nin o máis eficaz; son a familia, os medios de comunicación e todo o contorno social -e tamén a escola en certa medida- os que reproducen e crean mensaxes e actitudes sexistas.

A produción total, autóctona e traducida, de Literatura Infantil e Xuvenil en galego, de todos os xéneros canónicos, produción que se analiza neste dossier, contou no ano 2003 con cento sesenta e oito volumes, cento seis de produción autóctona e sesenta e dous de produción traducida. Esta produción foi realizada por vinte e nove escritoras e trinta ilustradoras e por sesenta e catro escritores e corenta e nove ilustradores, se nos referimos ás obras individuais. En canto ás colectivas o número de mulleres que participou foi de seis e o número de homes de dezasete, sen computar as realizadas polo alumnado nos seus centros de ensino.

Como se pode constatar o número de homes que participan na produción é maior que o número de mulleres, aínda que parecía, e mesmo se chegou a manifestar, que a literatura infantil e xuvenil se asociaba máis cun labor realizado por mulleres.

Das cento sesenta e oito obras que se publicaron, setenta e nove foron protagonizadas ou coprotagonizadas por nenas, mulleres ou personaxes femininas animadas ou inanimadas.

No dossier ofrécese en primeiro lugar a ficha da obra, a súa portada, o lectorado ao que se dirixe, a descrición da historia que transmite o texto, facendo fincapé nos elementos que achega cara á igualdade, e un conxunto de suxestións didácticas que sirvan de orientación a quen ten como función a mediación.

Este apartado vai encabezado por unhas temáticas clave que requiren que a persoa mediadora pense nelas e as prepare para logo acometer co lectorado que se quere atraer as actividades didácticas ou mesmo conversacionais que considere precisas. Nas suxestións didácticas propóñense prácticas que se aproximan o máis posíbel ao desenvolvemento psicolóxico do lectorado considerado primeiro destinatario da obra. Remátase con dous apartados máis que se corresponden cunhas breves biobibliografías das persoas creadoras dos textos e das ilustracións.

Achéganse para pechar o volume un conxunto de índices que comprenden a nómina das persoas que crearon e traduciron as obras escollidas, os títulos galegos e os traducidos, as coleccións, editoriais, idades e xéneros para facilitar as consultas.

Servizo Galego de Igualdade


ACCESO GUIA (PDF)




     
©2005 - 2012